martes, 25 de septiembre de 2007

A orixe está na loba que foi vivir ao Partenón.

Unha vez unha cidade situada no centro de Italia comezou a expandirse, invadindo numerosos territorios, até que logrou reunir arredor de si un senfín de lugares onde instaurou a súa lingua, a súa forma de ver o mundo, as súas leis e o seu modo de vida.

Mentres esta cidade, denominada Roma, ía adquirindo maior importancia militar e se iba configurando como superpotencia no Mediterráneo, nun lugar chamado Grecia dábanse outro tipo de avances: científicos, filosóficos, políticos... etc, que constitúen a base do actual pensamento occidental.

O problema básico e fundamental de Grecia, lugar tan incríbelmente rico en ideas e en arte e cun concepto social e político tan avanzado para a época, pódese resumir, creo eu, a unha soa cuestión:
- Que este era un territorio dividido en numerosísimas polis ou estados helénicos que se adicaron durante séculos a loitar continuamente entre si, provocando esas rivalidades internas numerosos conflitos, enfrontamentos e guerras que non fixeron máis que desangrar a Grecia e debilitala fronte aos inimigos exteriores.

Así, o centro cultural do mundo caeu inevitablemente nas mans do centro militar do mundo, e a loba romana aplastou sen piedade a todas e cada unha das cidades gregas, submeténdoas baixo o seu dominio.

O monstro con etiqueta SPQR acabou instaurando arredor do Mediterráneo unha terríbel e feroz dictadura denominada Imperio.
As matanzas, represalias, destrucción de cidades, escravizacións masivas, saqueos, expedicións de castigo, execucións e masa e moitas outras barbaridades foron os únicos métodos mediante os cales as lexións puideron impoñer o seu dominio sobre os habitantes dos territorios conquistados e forzalos a acatar a soberanía da potencia vencedora.

Pero co tempo o monstro romano, de orixe campesiña (e por ende ignorante, inculto e rural), comportamento feroz e violento cos dominados, intolerante e bruto, deixou de petar sobre aqueles territorios que conquistara e comezou a escoitar o que os vencidos tiñan que dicir, dándose conta de que aínda lle quedaba moito por aprender.

Roma aprendeu dos exipcios, mesopotámicos, sirios, galos, hispanos, britanos, cartaxineses e a moitos pobos máis. Pero sen nengunha dúbida os máis listos e máis avanzados eran os gregos, que lles ensinaron ao pobo romano moitísimo, estendendo estes posteriormente os ideais e a cultura surxidos en Grecia por toda Europa.

Aínda así tamén a civilización romana, co paso do tempo, aportou o seu.
Coa súa veterana experiencia no goberno e na administración de numerosos territorios os romanos avanzaron moito en Dereito, e coa continua construcción de camiños, pontes, acueductos, teatros, anfiteatros e, sobre todo, numerosas cidades a través de extensos territorios, lograron grandes avances en arquitectura.

Co amplo saber grego, nado da reflexión de numerosos filósofos e persoas de gran valía intelectual e estendido polo mundo a través do Imperio, e co carácter práctico e utilista dos romanos, que estes necesitaban para manter un país tan grande coma EE.UU. (o que provocou, coa práctica da experiencia, a mellora en certos campos xa mencionados) naceu unha cultura, un modo de ver o mundo e unha forma de vida: A occidental.

1 comentario:

irene quintela dijo...

Ola, Rafa,
vexo que, coma min, tamén decidiches abrir unha xaneliña a través da que expresar os teus pensamentos e consideracións sobre a vida, o mundo, e máis concretamente, a nosa cultura occidental, responsábel de que sexamos o que somos e non outra cousa. Así que te animo a seguires deleitándonos cos teus escritos e a invitárenos a participar.

Noraboa e sorte!!